Monday 29 de April de 2024

A campaña pobrense Raña e gaña repartirá agasallos por un valor total de preto de 20 000 euros


De cara á época do Nadal, o Concello, a Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, a Asociación do Pequeno Comercio Deán e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos uniron forzas e botaron a anda-la campaña Raña e gaña, a cal tamén conta coa colaboración de empresas que quixeron achega-lo seu grao de area, supoñendo un importante esforzo. Unha proposta focalizada na dinamización económica, ao tempo que se xera ilusión e se aposta pola unidade. Repartiranse máis de 70000 tarxetas nos 71 establecementos comerciais e de servizos do municipio entre o día 28 de novembro e o 6 de xaneiro, ambos incluídos, que se traducirá en arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 20000 euros. Así o desvelaron nesta mesma tarde a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela; a técnica municipal, Sara Sánchez; a representante da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Noelia Hermo; a directora de relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas; e o xerente do Camping Ría de Arosa, Anxo Rodríguez; acompañados do integrante da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, José Manuel Castelo; e de Beatriz Santiago, de Panadería A Peneira.
A edil Charo Varela manifestou que se trata dunha iniciativa froito da relación directa da Administración local e o sector comercial, que xorde “nun momento clave, nunha situación de pandemia que supuxo unha importantísima redución do consumo no noso país especialmente no que respecta ao pequeno comercio”. Entre os obxectivos enumerou xerar ilusión, ser un grande escaparate dos establecementos e produtos e servizos que ofertan, apoiar un sector que definiu como “imprescindible para a vida económica do noso concello” e incentiva-lo consumo interno ao tempo que se atraen potenciais clientes da contorna. Aproveitou a ocasión para expresa-lo seu agradecemento a tódolos comercios participantes, así como ás empresas colaboradoras Congalsa, Rianxeira/Escurís, Camping Ría de Arosa, Conservas Ortiz, Conservas Ramón Franco e DS Smith Cartogal.
Na súa intervención, a técnica municipal, Sara Sánchez, fixo fincapé en que a referida proposta tamén redundará "nunha especie de rede entre os establecementos participantes" e, deseguido, deu conta das bases. Por cada dez euros de compra nos locais que toman parte desta campaña entregarase un rasca que pode presenta-la lenda "Grazas por apoiar o comercio local" ou os
premiados que especificarán o agasallo xunto co establecemento onde se debe recoller. No caso concreto das contribucións das empresas colaboradoras xa referidas, a persoa agraciada deberá acudir co seu rasca á Oficina de Turismo, onde o persoal municipal se encargará da xestión, pois os artigos permanecerán alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Pola súa parte, a representante da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Noelia Hermo, expresou o seu agradecemento tanto ao Concello coma a tódalas empresas polo seu apoio, animando a xente a participar e a que “confiedes no pequeno comercio”.
O xerente do Camping Ría de Arosa, Anxo Rodríguez, afirmou que estaban “encantados de poñe-lo noso grao de area”, así como de acompañar este tipo de iniciativas nestas datas que se caracterizan pola ilusión e compartir, “facendo especial fincapé na importancia do pequeno comercio e dos negocios de proximidade”, que constitúen “un piar fundamental económico dos concellos”. En consecuencia, fixo un chamamento para que a xente se implique nestas propostas, pois “sabemos que as novas tecnoloxías, as tendas online, están aí, pero moitos compañeiros necesitan da nosa axuda, que compremos nos nosos concellos”.No seu caso entregan como agasallo dúas rutas en quad pola ladeira do monte da Curota.
A directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas, sinalou que lles pareceu “unha iniciativa orixinal” especialmente nesta situación derivada da COVID-19, ademais de precisar que “ao facer algo ilusionante, non dubidamos nin un segundo da nosa participación” a través de dez lotes de produtos, unha cea do Nadal para seis persoas realizada polo restaurante A Horta do Obradoiro e unha viaxe familiar a Eurodisney. Do mesmo xeito, augurou que o Raña e gaña será “un éxito absoluto e estamos todos desexando vir consumir e gastar no comercio local da Pobra”.
Entre os establecementos participantes figuran tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, froitarías ou informática, entre outros, o cal é unha mostra da heteroxeneidade dos locais integrantes desta campaña e, polo tanto, dos agasallos que se entregarán: dende produtos alimentarios a un smartphone, pasando por ceas, tratamentos de beleza, complementos ou vales de compra, os cales son só algúns dos exemplos. Ademais, os locais contarán cun distintivo nun lugar visible e o período estipulado para recolle-los premios será ata 28 de febreiro de 2021.